CONCERTO ENTRE A MUTUALIDADE XERAL DE FUNCIONARIOS CIVÍS DO ESTADO (MUFACE) E O CONSELLO XERAL DE COLEXIOS OFICIAIS DE FARMACÉUTICOS, POLO QUE SE FIXAN AS CONDICIÓNS PARA A EXECUCIÓN DA PRESTACIÓN FARMACÉUTICA A TRAVÉS DAS OFICINAS DE FARMACIA.

- O 22 de decembro de 2010, coa presenza da secretaria de Estado para a Función Pública Consuelo Rumí Ibáñez, procedeuse á sinatura do concerto entre a Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE) e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos (CGCOF) polo que se fixan as condicións para a execución da prestación farmacéutica a través das oficinas de farmacia.
- O ata agora vixente concerto da MUFACE con oficinas de farmacia databa do ano 1989 e foi subscrito co CGCOF (Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos), a imaxe e semellanza do subscrito entre o CGCOF e o INSALUD no ano 1988, incluíndo algunhas particularidades.
- Durante este longo período producíronse numerosas modificacións non só no esquema institucional e normativo motivado polo traspaso das competencias ás CC.AA en materia de sanidade, senón tamén polos avances tecnolóxicos que inciden directamente na xestión da prestación dispensada en oficinas de farmacia mediante receita médica, en aspectos tan importantes como:
- A emisión de receitas polo médico prescriptor (en soporte papel, para formalización manual e informatizada ou incluso en soporte electrónico).
- A posibilidade de substitución de medicamentos polo farmacéutico derivada do sistema de prezos de referencia e da comercialización de medicamentos xenéricos.
- O procesamento e gravación de receitas e a emisión da facturación mensual polos colexios farmacéuticos, coa aplicación dos correspondentes descontos.
- O pagamento da factura polos servizos responsables do seu financiamento público.
No caso dos servizos de saúde das CC.AA (e antes no INSALUD), estas modificacións fóronse reflectindo nos sucesivos concertos subscritos coa organización farmacéutica colexial nas dúas últimas décadas. Non obstante, no ámbito da prestación farmacéutica da MUFACE, o instrumento xurídico regulador da prestación farmacéutica a través das oficinas de farmacia non recollía ningún destes aspectos claves.
- O novo concerto entre a MUFACE e o CGCOF asínase por un período de 2 anos prorrogables anualmente por outros dous, e nel regúlanse e actualízanse as condicións de dispensación de receitas da MUFACE polas oficinas de farmacia establecidas en todo o territorio nacional, así como a gravación, facturación e pagamento das receitas mutualistas á organización farmacéutica colexial.
- A devandita actualización comporta a práctica equiparación dos criterios de dispensación de receitas da MUFACE e dos procedementos e prazos de facturación e pagamento destas ás oficinas de farmacia ao previsto nos concertos subscritos pola organización farmacéutica colexial cos servizos autonómicos de saúde, posibilitando a interconexión total de ambos os dous modelos sanitarios e a abordaxe de novos retos farmacéuticos que se traducirán en beneficio dos nosos mutualistas e beneficiarios e da propia organización (receita informatizada e electrónica e facturación electrónica).
- Algunhas novidades destacadas:
- Homológanse os criterios de dispensación e causas de devolución de receitas, de acordo co previsto na xeneralidade dos concertos subscritos polas oficinas de farmacia cos servizos autonómicos de saúde.
- Incorpórase un anexo de dispensación nos supostos de prescrición de medicamentos por principio activo, que adapta a normativa estatal ao ámbito da MUFACE.
- Na dispensación de produtos e aspectos non regulados por normativa estatal (fórmulas maxistrais, dietoterápicos...etc), efectúase unha remisión ao concerto autonómico que resulte de aplicación á farmacia, o que simplifica e facilita a xestión.
- Homológanse os documentos e arquivos informáticos e adiántanse os prazos de facturación polos colexios á MUFACE, de acordo co previsto nos concertos das comunidades autónomas e na normativa estatal que regula a aplicación de descontos por dispensación de medicamentos.
- Estas e outras melloras que inclúe o novo concerto permitiranlle á MUFACE, como organismo público responsable da asistencia sanitaria e farmacéutica de máis de millón e medio de cidadáns dentro do Sistema Nacional de Saúde, unha xestión máis eficiente do gasto farmacéutico mediante o control da prestación grazas aos novos procedementos de facturación e a través da regulación da dispensación en prescricións por principio activo no ámbito da mutualidade, unido á xeneralización do uso das novas tecnoloxías.
- O concerto profunda na liña de traballo do Goberno para a modernización e garantía do exercicio do dereito á asistencia sanitaria de calidade dos nosos cidadáns, dentro dos cales se encontra o relevante colectivo protexido pola MUFACE e é coherente con recentes iniciativas aprobadas ou en tramitación como son o Real decreto de receita médica e ordes de dispensación aprobado o pasado venres polo Consello de Ministros ou o Proxecto de real decreto de escala única de descontos.
Texto do Concerto MUFACE - CGCOF